O código da música

O mundo da música abrangue moitos e moi diversos aspectos da nosa realidade. Por

exemplo: sabías que ata as notas poden chegar a ter un vencellamento profundo co

apaixonante mundo das matemáticas? Se visitamos o obradoiro de Mar imos descubrir

algunhas destas conexións insospeitadas.

Algúns estudantes de secundaria, interesados no tema matemático, van realizar

diferentes actividades, xogos e explicacións para que a rapazada de 3º e 4º de primaria

se dea conta de que ambos mundos, matemáticas e música, verdadeiramente non

están moi lonxe. De feito as linguaxes matemática e musical teñen moitas cousas en

común, son universais e non admiten ambigüidades. Divídense en dúas grandes

seccións que a súa vez se dividen noutros subgrupos:

A primeira sección enfócase nunha idea común ás dúas linguaxes: os patróns, series e

repeticións. Nun primeiro grupo encárganse dunha actividade de percusión corporal.

Utilizan cartaces para indicarlles aos rapaces e rapazas que movemento teñen que

facer en cada momento. Estes cartaces mostran unha letra que ten asociado un

movemento. Xeran unha secuencia de letras que as e os rapaces teñen que traducir en

movementos.


Un segundo grupo desta sección tamén traballa os patróns, pero con cintas. Neste

caso trátase de crear patróns e secuencias corporais seguindo a música para, grazas a

unhas cintas de ximnasia, representar as liñas propias da xeometría (horizontais,

verticais, curvas, rectas, etc.) e que o alumnado aprenda a discriminalas.


O último grupo desta sección fai coa rapazada unha coreografía baseada en

indicacións xestuais dunha canción. Ao rematar agasallan aos e ás rapazas cunha

medalla da bandeira do lugar de orixe da canción, Brasil. 


Nunha segunda sección encárganse de explicar á rapazada sobre aritmética musical. O

primeiro grupo propón unha actividade de creación de pizzas. Para facelo traballan

coas equivalencias entre notas e duración. Cada figura musical equivale a un número,

expresado en fraccións, que as e os rapaces teñen que interpretar, formando unha

pizza musical. A cada fracción correspóndelle un ingrediente cos que forman a pizza.

Por exemplo, 1/2 significa “pepperoni” e 1/4 significa “champiñóns”. O alumnado de

3º de primaria debuxa pizzas cos seus propios ingredientes e fraccións e o de 4º monta

unha pizza con ingredientes outorgados polos encargados da actividade.



O outro grupo da segunda sección deste mundo matemático-musical é un “Bingo

musical”. Aquí cada nota equivale a un número, dependendo da súa duración; por

exemplo, todas as notas brancas equivalen ao número 2 e todas as notas negras ao

número 1. Cada nena e neno ten un cartón que posúe cinco operacións con resultados


do 1 ao 6. Teñen que resolver operacións matemáticas expresadas coas notas

musicais, brancas e negras. O xogo empeza tirando un dado e, a partir do número que

saia no dado, as e os nenos teñen que atopar a operación do seu cartón que ten como

resultado dito número. O primeiro en atopar todos os números do seu cartón gaña.



Pechando o obradoiro atopamos unha actividade de creación dunha coreografía con

vasos, levada a cabo entre todos os rapaces e rapazas que están no obradoiro.

En definitiva, este obradoiro atopa formas moi orixinais, dinámicas e divertidas de

relacionar a música coas matemáticas, o que axuda á rapazada a perderlle o medo a

esta marabillosa materia.

Comentarios

Entradas populares