A melodía con plumas

Cando pensamos “música” adoitamos imaxinar instrumentos creados polo ser humano, ou

concertos das nosas e dos nosos cantantes preferidos. Porén, a música atópase tamén na

natureza: o vento fresco pasando entre as árbores, as ondas do mar aloumiñando a area, ou

os latidos do noso corazón ao ver a persoa que amamos.



Neste obradoiro explóranse os cantos das aves e a súa relación connosco. Sabiades que

estas melodías teñen efectos positivos na saúde? Non é estraño pensar que estes sons

sexan dos máis bonitos da natureza. O asubío dun paporrubio bañado pola luz do sol, o

ulular dunha curuxa baixo o manto da escuridade da noite... A melodía da natureza atópase

tamén neles, e invítannos a fluír pola música da mesma maneira que eles o fan sucando o

aire.

No obradoiro do que estamos a falar, realízanse investigacións sobre as aves cantoras e os

sons que producen.

As e os participantes deste obradoiro están a realizar experimentos, manualidades e

actividades para o alumnado de terceiro e cuarto de primaria, como recrear sons de aves ou

facer os seus propios xogos. Ademais, farán un concurso-festival no que as nenas e nenos de

primaria poderán elixir a súa ave favorita en función do seu canto.

Un dos grupos está facendo un xogo de mesa inspirado no Xogo da Oca, no que as nenas e

nenos teñen que dar o maior número de voltas posible ao redor do taboleiro mentres van

caendo en caixas nas que teñen que adiviñar o nome de distintos paxaros escoitando o seu

canto.



Noutro grupo estase a realizar unha actividade que consiste en deseñar a súa propia ave

debuxándoa, e ademais fan un memory para adiviñar paxaros cantores.





Tamén hai un grupo que está a facer unha maqueta dun corvo para ensinarlles ás nenas e

nenos o funcionamento do seu corpo á hora de cantar.



E non son os únicos explicando como os paxaros producen os sons; hai ademais outro grupo

que fai unha presentación axudándose dun cartón con debuxos dos órganos dunha ave.



Estanse a realizar ademais distintos sons con obxectos ordinarios, como asubíos de aves con

palliñas e música co borde dos vasos.


A maiores un grupo trouxo dúas aves Agapornis, ou tamén coñecidas coma Paxaros do

Amor porque acostuman vivir en parella.



Vendo a temática da Semana Cultural deste ano, Lourdes, unha das profesoras de ciencias

de ESO, decidiu facer o seu obradoiro acerca do canto das aves. “Quería que as nenas e

nenos coñecesen máis sobre as aves cantoras porque me gustan moito, e esta pareceume

unha boa oportunidade.”, cóntanos ela.

Fronte ás expectativas pouco elevadas que tiñan algunhas alumnas e alumnos, este

obradoiro resulta ser moi didáctico, interesante e de traballo manual, en vez de ser teórico,

aínda que obviamente tamén houbo un proceso de investigación. “Esperaba que fose máis

chapar datos, pero é moi práctico e iso faino entretido”, di unha alumna que forma parte

deste equipo.

Por tanto, no obradoiro “Ti si que cantas” mergullámonos nunha parte inexplorada do noso

mundo, na que os sons da natureza nos fan descubrir novas sensacións e experiencias.

Escoitar o son da chuvia cunha mantiña no sofá, o triscar das follas secas cando camiñas

pola fraga... Este obradoiro, definitivamente, serve para devolver á natureza o mérito que

ten cando de crear beleza se trata.

Comentarios

Entradas populares