A música e o cerebro
Descoñeces a relación entre a música e o teu cerebro? Pois queda, que é máis
interesante do que cres!
Presentámosvos o obradoiro de Eloy, o noso favorito físico-matemático que propón
unha idea curiosísima: que o alumnado de 3º e 4º de ESO expoña o funcionamento do
órgano que coordina todo o noso corpo en relación cunha das artes máis antigas deste
mundo, a música, ao alumnado de 5º e 6º de primaria.
A música, cuarta arte coñecida, non só é unha maneira de transmitir mensaxes, senón
que tamén é unha maneira de transmitir “emocións”. Isto non ocorre grazas a algún
tipo de maxia, é un suceso completamente racional producido polas reaccións
cerebrais.
O cerebro reacciona a distintos estímulos como a harmonía e a multitude de variacións
no son (como a frecuencia e o volume) que se reproducen nas cancións. Grazas a unha
serie de traballos variados comandados polos encargados das actividades, os cativos
poderán coñecer todas estas rexións e funcionamentos do órgano líder do corpo
humano.
Un dos apartados que se investigan neste taller é o do deterioro, ao avanzar a vida, do
oído dos homo sapiens sapiens. Poñen en uso distintos sons que determinan a “idade
auditiva” do suxeito de probas.
Tamén temos que remarcar a existencia dunha maqueta do cerebro, que serve de
ferramenta explicativa de fácil acceso para a comprensión por parte das nenas e nenos
de todo o que rodea a esta actividade. Unha maneira moi visual de aprender.
A maqueta está acompañada por outra sobre o interior do oído, centrada nos “cilios”,
células encargadas da detección do son no oído interno.
Todo o que rodea a actividade proposta polo equipo de Eloy rezuma creatividade, coas
paredes habitualmente brancas cubertas por variedade de debuxos que representan
todos os elementos implicados no proceso auditivo (instrumentos que producen
música, o oído e o cerebro, cada un coas súas partes). Isto axuda a complementar o
arduo traballo dos organizadores desta iniciativa.
Os integrantes do equipo do obradoiro realizan explicacións divididas en grupos sobre
o son e como afecta ao noso cerebro. O primeiro fala sobre a amplitude e lonxitude
das ondas sonoras, utilizando como demostración melodías tocadas en directo nun
piano situado na aula. Empregan unha harpa caseira para ilustrar o comportamento
dos sons interpretando unha peza musical célebre entre os infantes, Baby Shark.
Un segundo grupo continúa pola mesma liña e explica os parámetros do son restantes:
tonalidade, melodía, compás, harmonía, ton, altura, ritmo e tempo.
A continuación, comparten un vídeo informativo con toda a clase onde se explica
brevemente o papel dos oídos, o cerebro e as súas rexións no proceso de audición.
As neuronas non falan, dirían algúns, pero neste obradoiro hai uns espécimes que non
só falan senón que tamén teñen un grande coñecemento da materia. Este alumnado
con disfraces interesantes explican todo o posible realizando coreografías nunca antes
vistas. Isto é acompañado polas maquetas do cerebro e do oído que os membros
encargados do funcionamento do obradoiro van ensinando ás e aos cativos.
Outro grupo explica como a música e os parámetros previamente ditos teñen unha
grande participación na xeración de emocións e sentimentos. A música é interpretada
de maneira subxectiva, noutras palabras, todo o mundo ten a súa propia impresión do
que lle transmite cada peza. Non quere dicir que non existan opinións parecidas ou
que non exista unha tendencia á hora de interpretar as emocións que transmite unha
canción (sería ben raro que alguén sentira tenrura escoitando Highway to hell, de
ACDC, malia que podería suceder).
A derradeira parella enlaza con esta cuestión dunha forma moi natural, ilustrando ás
meniñas e os meniños sobre as múltiples teorías dos nosos antepasados de como e
canto podía chegar a afectar o escoitar unha melodía. Déronse conta, co paso do
tempo, de que a música podía producir dende ledicia ata un sentimento de melancolía
ou nostalxia. Chegaron á confección dos 7 modos gregos, que definían unha serie de
acordes e melodías como líderes dun sentimento que se podía transmitir a través dos
instrumentos.
Por outra banda, a mesma parella explica os beneficios que pode ter a música na xente
con alzhéimer ou demencia, esta práctica denomínase musicoterapia. A maiores,
mencionan uns datos bastante interesantes: a música pode producir dopamina, a
hormona que produce o sentimento de pracer e que axuda a manter un nivel
constante de cortisol (hormona do estrés), actuando nun equilibrio que nos protexe de
querer defenestrarnos.
Despois desta dura tarefa, o auditorio é dividido en grupiños para realizar unhas
actividades sorprendentes:
Unha delas, baseada no último punto, trata os modos gregos, ensinando ao público
que é o que acostuma a transmitir cada un. Despois, teñen que adiviñar en que modo
están compostas as cancións que unha das alumnas de ESO lles toca ao piano.
A continuación, a rapazada trasládase fóra da clase, á marabillosa natureza do Martín
Códax, para facer unha serie de experimentos: dous integrantes do grupo fan un test
de audición co alumnado de primaria, no que deben escoitar uns sons en diferentes
escalas de hercios, explicando así como a idade afecta á perda de audición e á
percepción deste.
Máis tarde, as nenas e nenos desenvolven a súa capacidade creativa facendo o típico
teléfono con vasos e, paralelamente, outro dos grupos encargados do obradoiro
convida os nenos a adiviñar cancións con só uns pequenos segundos. Ao tempo que
outro grupo realiza o xogo das cadeiras musicais.
Por último, os asistentes volven á aula para somerxerse nunha última proba, un test de
emocións. Marcan de xeito individual nunha táboa o que lles transmiten unha serie de
cancións.
Grazas a este obradoiro, os rapaces e rapazas poden aprender como se relaciona a
música co cerebro e, tal vez, a próxima vez que escoiten unha melodía intenten
analizar sobre que modo grego está composta!

Comentarios
Publicar un comentario