A volta ao mundo en 10 cancións

Bonjour, amantes do francés!

O mundo é xigantesco e posúe unha grande cantidade de culturas e nacións. Isto

provoca que existan ideoloxías diversas e que as persoas as plasmen en formas de arte

distintas.

Unha das nacións históricas máis relevantes é a francesa que, lonxe do que moitos

pensan, non só se estende polo seu país. Como antiga potencia colonial ten territorios

ao longo de todo o globo terráqueo cos que comparte tradicións e unha lingua común.

Son algunhas das obras musicais máis salientables desta cultura as que os integrantes

do obradoiro de Nathalie presentan para un público de 1º e 2º de primaria.

O traballo realizado polo alumnado de ESO neste taller consiste en introducir aos

nenos no mundo francófono mediante xogos didácticos que os levarán por distintos

continentes.



Esta viaxe polo mundo comeza fóra da aula, nunha representación metafórica da fame

colonial desta nación, que devora castelos de area que simbolizan cada un dos

continentes a tratar: América, Europa, África, Asia e Oceanía. Acompañan a

representación gráfica cunha explicación oral breve sobre o colonialismo e de como

este afecta ás culturas autóctonas. O alumnado que fai de público e que participa nas

actividades é dividido en pequenos grupos que rotarán en sentido antihorario

paseándose por todos os continentes.



Hai un total de dúas cancións por continente, escollidas polos encargados do

obradoiro, e múltiples xogos que se desenvolven de modos diferentes. Por exemplo,

un quebracabezas baseado en reordenar segmentos de cancións francesas

procedentes de América.

A actividade parte dunha canción principal, L’Amérique pleure, que as integrantes

recitan aos cativos co obxectivo de que sexan capaces de reordenar as distintas

estrofas. Cando teñen finalizada a tarefa de reorganización da peza musical, comezan

un baile seguindo unha coreografía predeterminada que as súas monitoras idearon.



As mentes pensantes responsables do continente europeo preparan unha actividade

na que os cativos van xogar con dúas cancións moi recentes da cultura francófona: Je

veux da arquicoñecida Zaz, para traballar letra e tradución, e a aínda máis recente

Papaoutai do cantante belga Stromaë, que fai de banda sonora dun xogo de memoria

que teñen preparado.


O apartado africano do obradoiro promete unha cantidade de diversión sen igual! A

actividade proposta por este pequeno grupo consiste nun entretido xogo físico moi

similar á mariola, procedente e popular na rexión africana chamado minué minué, no

que as nenas e nenos saltan ao ritmo da música. A canción utilizada para este


segmento do obradoiro é Premier Gaou, aínda que non corresponde coa que se

acostuma empregar para o xogo. Seguido disto os membros deste equipo privan da

súa visión aos pequenos e empúrranos a empregar os seus outros sentidos,

principalmente a audición. Deben debuxar con cores da súa elección o que lles

transmite unha chanson determinada (procedente da Costa de Marfil).






Asia é outro cantar. As e os pequenos de 1º e 2º de primaria embárcanse nunha

potente aventura histórica na que terán que pelexar pola colonización de países do

seu interese. O esqueleto do espectáculo consiste nun sinxelo xogo de cadeiras

musicais misturado cun xogo de pataca quente que, que consiste en lanzamentos de

explosivos (marca Acme, ou sexa, falsos) simulando a tensión de guerra. Produce un

efecto de frescura nun clásico xogo que non tiña moito máis que ofrecer. Finalmente,

o perdedor de cada ronda poderá colonizar un país dentro dunha pequena selección.



Oceanía fomenta a habilidade para facer manualidades dos cativos, xuntando dunha

maneira case perfecta o mundo dos instrumentos musicais e o mundo francófono. A

actividade é fabricar unha frauta de pan con palliñas de plástico de cores diversas.

Xunto a isto, ten lugar outro xogo no que, de forma similar ao feito en América, teñen

que reordenar unha canción cunha mestura entre as dúas linguas.



Todo o obradoiro únese grazas á volta ao mundo en oitenta días, que emprega o tema

musical principal da serie A volta ao mundo de Willy Fog, para simbolizar os cambios

entre actividades.

Co ritmo dos oitenta días despedimos este artigo, au revoir!

Comentarios

Entradas populares