Infantil
Os nenos e nenas de primaria estes días están participando nas actividades dirixidas
polo alumnado de toda a secundaria, e en infantil tamén teñen dereito a desfrutar
destas actividades, polo que o noso profesor Victor Hugo, xunto co alumnado que
optou por este obradoiro, teñen preparadas unhas actividades, relacionadas coa
música, para todo o alumnado de infantil. Este obradoiro divídese en catro grupiños:
O primeiro grupo atopámolo na clase de plástica. A primeira actividade deste equipo
consiste nunha presentación: falan como se viñesen dun futuro moi lonxano no que os
instrumentos se extinguiron e precisan da axuda da rapazada para entender o
funcionamento dos mesmos. Na seguinte actividade, as e os nenos teñen que resolver
un memory de instrumentos entre todos, e por último póñenlles pezas musicais para
que as escoiten con atención e pinten o que sintan neses intres.
O segundo equipo realiza a actividade de cociña, na que a rapazada de infantil de 3, 4 e
5 anos cociña uns boliños para eles mesmos coa axuda do alumnado da ESO deste
grupo. O primeiro paso consiste en facer a mestura principal para formar a masa, os
maiores son os que se encargan disto, igual que no segundo paso, no que colocan
fariña sobre as mesas para que non se lles pegue a masa; cando a masa se coloca na
mesa, os peques collen pequenos anacos dela e empezan a amasala; cando ten a
forma desexada, marcan as raias propias dun pan, e finalmente os encargados da
actividade introducen as delicias no forno para, máis tarde, recollelos e facer o mellor:
papar.
No caso do terceiro grupo, a primeira actividade trata de pórlle á rapazada fragmentos
de cancións nas que soa un instrumento específico. Dependendo do tema, poden ser
un ukelele, un xilófono, unhas maracas ou unha pandeireta. O obxectivo é que
adiviñen cal destes instrumentos é o que está a soar. Posteriormente divídenos en 4
grupos para ensinarlles o funcionamento de ditos instrumentos. Ao rematar axudan as
rapazas e rapaces a crear as súas propias maracas con envases de iogur, crótalos cunha
tira de goma EVA e dúas chapas pegadas con silicona, e tamén un cartón con relevo en
silicona para rascalo cunha especie de pau e que soe. Despois fan unha orquestra cos
instrumentos recén feitos e, se sobra tempo, bailan co videoxogo “Just Dance”.
No cuarto equipo, empezan cunha busca do tesouro a través de toda a escola de
infantil, dividindo a rapazada en dous grupos. Cando remata a busca diríxense, xa
todos xuntos, ao ximnasio, onde os encargados da actividade lles prestan instrumentos
diversos. Teñen que tocalos á vez para poder entrar no ximnasio. Tras entrar nel,
comeza o seguinte xogo: o oso formigueiro. Aquí a rapazada ten que construír refuxios
con colchonetas para esconderse do animal, que é representado por un dos
encargados do obradoiro. Ao acabar, e se queda tempo, xogan ao “Just Dance” como
na actividade anterior.
En definitiva, este obradoiro é unha moi boa forma de introducir os nenos e nenas ao
mundo da música, ademais doutras partes do obradoiro como a da cociña, a que
tamén os alegra moito. Todo isto provoca que esta semana sexa inesquecible para
eles.
Comentarios
Publicar un comentario