Músicas que moveron masas

Ao longo da historia da humanidade as persoas movéronse para defender os seus

ideais, sexan estes relixiosos, políticos ou sociais. Da man destes ideais ía a arte, o

medio de expresión máis inequivocamente humano; a arte reflicte dalgún xeito as

situacións sociais nas que xorde, ás veces é condescendente coa realidade do

momento e outras busca unha ruptura. A música é unha das sete artes liberais, e por

suposto tamén reacciona á realidade. Este medio de expresión artística leva

acompañando a humanidade dende os seus inicios, e hase usar como canle para a

comunicación de numerosas ideas ao longo dos séculos. Pensade, por exemplo, nos

himnos cantados ás diferentes bandeiras, ou os que acompañan as revolucións.

Estas cancións, que moveron masas, son unha parte moi importante da nosa historia, e

nesta Semana Cultural adicada á música non podiamos deixalas de lado. De mans da

profesora de Historia, Noémia, e dun alumnado de secundaria disposto a dalo todo por

aprender comezará este obradoiro.

Os seus integrantes dispoñen dun elenco de cancións que abarcan moitas épocas e

temas. Dende a Francia revolucionaria, pasando polo goberno de María Cristina, a que

seguimos a corrente, ata a vontade dun partisano italiano ou dun John Lennon que

imaxina un mundo ideal, mesmo a ledicia dun equipo celebrando o seu centenario coa

súa lingua.

No momento no que chega o alumnado, recébeno cun pequeno concerto feito polos

integrantes do obradoiro cantando Imagine, para despois dividilos en grupos, que se

refiren a unha serie de anos concretos para traballar as cancións compostas nese

tempo.

O primeiro grupo analiza as cancións compostas entre os anos 1792 e 1870,

comezando co himno da Francia revolucionaria, a Marsellesa; posteriormente falan do

himno do xeneral Riego; e rematan con María Cristina, que nos quere gobernar. Este

grupo fabricou un memory coas letras das cancións, para que os rapaces e rapazas

xoguen e as aprendan; e practicarán o seu francés completando a letra da Marsellesa.

Allons, enfants de la patrie!

O segundo trata as obras nadas entre o 1870 e o 1919, contando cunha canción

traducida a moitos idiomas, a Internacional Socialista, e o himno dun bardo arengando

as súas tropas para a batalla, o himno galego Os Pinos. O grupo traballará estas pezas

de dúas formas: primeiro, a rapazada escoitará a Internacional e despois debuxará o

que lles fai sentir esta canción nun marcapáxinas, que levará de recordo. Por último

terá que demostrar que tan ben coñece o noso himno completando as partes que

faltan nun cartaz.



O seguinte grupo fala das cancións do período comprendido entre os anos 1920 e 1945

cunha serie de temas moi arraigados na guerra, dende un home agardando o fin da

guerra para volver a ver á súa amada, Lili Marleen; dende a Terceira Brigada Mixta no

Ebro danos a súa ubicación un soldado, Por si me Quieres Escribir; e descubrimos a


vontade dun partisano italiano, Bella Ciao. O alumnado do obradoiro fixo un taboleiro

similar ao do xogo da oca, onde a rapazada tirará os dados e responde preguntas

relacionadas con estas cancións.



O grupo que prosegue explicará as cancións compostas entre os anos 1940 e 1980, con

We Shall Overcome; un John Lennon que “imaxina” un mundo ideal, sen guerras nin

propiedade privada; o sinal para o inicio da Revolución dos Craveis, a Grândola, Vila

Morena e a Sementeira de ideas de liberdade, de Fuxan os Ventos. Tras explicarlles as

cancións, fanlles unha serie de preguntas, e posteriormente o alumnado escribe un

artigo de xornal sobre as cancións vistas con este grupo.

O derradeiro grupo encárgase de informar sobre as cancións dende 1989 ata o día de

hoxe, con Nino Bravo cantando pola liberdade; Ismael Serrano pedíndolle ao seu pai

(Papá, Cuéntame Otra Vez) esa historia tan bonita; a emoción colectiva que C-Tangana

soubo transmitir coa nosa Oliveira dos cen anos; e un Bad Bunny con DeBÍ TiRAR MáS

FOToS. Este grupo, ademais de facer unha liña temporal para que os rapaces sitúen as

cancións cronoloxicamente, tamén dirixirá unha micro excavación arqueolóxica coas

letras das cancións nunha caixa chea de area.


Tanto os alumnos e alumnas de primaria como os da ESO están a desfrutar moito

deste obradoiro, pero non só desfrutan, senón que tamén están a aprender sobre algo

tan importante como é a Historia, xa que estas obras, como calquera outra, son un

vivo reflexo da época na que foron escritas e representan tanto unha situación como

os ideais de todas as persoas que se encargaron de compoñelas e de cantalas; sexa nos

campos de batalla, na praza dunha vila ou nun estadio con decenas de miles de

espectadores.

Comentarios

Entradas populares