O Laboratorio Musical
Din por aí que o ser humano dispón de cinco sentidos: gusto, tacto, vista, olfacto e
oído. A realidade é que desfrutamos dalgún máis, pensemos por exemplo na
nocicepción ou a termocepción. O ser humano convive co mundo que o rodea grazas
ás capacidades que nos proporcionan estes sentidos. Por si mesmos, estes sentidos
son unha parte fundamental do ser humano, e, por suposto, un dos máis importantes
é o oído. Este sentido permítenos facer unha morea de cousas, aínda que
verdadeiramente a súa principal función é algo tan trivial -e tan importante- como
escoitar sons. E con este último argumento hase desenvolver un dos obradoiros máis
esperados da Semana Cultural deste ano na escola, o do veterano Jaime e o seu novo
padawan, Xabi.
O alumnado quere saber como funcionan os sons, como se pode medir o son, como se
utiliza a súa unidade de medida, como reaccionan as substancias ao son, e que formas
de escoitar existen sen usar as orellas. Os alumnos e alumnas de terceiro e cuarto de
ESO veñen dispostos a entreterse aprendendo e, moito máis importante, ensinar ao
público de quinto e sexto de primaria como funciona o mundo dos sons.
No obradoiro atópanse divididos en grupos, o que é costume en proxectos escolares,
en prisións e na Semana Cultural. Estes grupos non só explicarán a teoría, senón que
poderán levar a cabo experimentos de todo tipo para deixar os rapaces de primaria
patidifusos.
A clase decorouse cunha ambientación de ciencia ficción, con elementos tanto do
espazo como da ciencia terrícola, acompañada dunha dramatización baseada na
Guerra das Galaxias, feita polo primeiro dos grupos, que ademais non só se ocupa da
decoración, senón que ensinan aos nenos e nenas o seu proxecto, que trata sobre
como podemos escoitar música sen usar as orellas. Como funciona isto? No oído,
temos unha fina membrana chamada tímpano, que é a encargada de percibir as
vibracións do aire (son) e de transmitilas aos osos da bigornia, ao martelo e ao estribo,
que á súa vez lle transmiten as vibracións á cóclea, que converte as vibracións en
pulsos eléctricos que envía ao cerebro onde son interpretadas. En ocasións, se a unha
persoa se lle rompe o tímpano, xa non pode percibir as vibracións desta maneira, a
pesar de que as estas non só poden viaxar a través do aire. Se unha fonte de son está
en contacto co noso corpo, as vibracións poden viaxar a través do noso corpo ata á
bigornia, o martelo e o estribo, sen necesidade de pasar polo tímpano, permitindo
percibir o son. Este método o utilizaba o mesmísimo Beethoven para compoñer ás
súas pezas. Na actualidade, existen os chamados auriculares de transmisión ósea, que
transmiten o son directamente ao cranio, para que as vibracións pasen ao oído e logo
ao cerebro, facéndonos escoitar a música nitidamente.
Pero, falemos dos experimentos: todos temos a clásica imaxe dalgunha serie ou
película con dous rapaces falando cun telefono feito cunha corda e dous vasos de
plástico. Como é isto posible? As vibracións que emitimos ao falar viaxan polo aire ata
o vaso, que fai que estas se transmitan ao cordel, por onde viaxan ata o outro extremo
do cordel e volven ao aire, e grazas á forma do vaso aumenta a intensidade das ondas.
Á parte de deixarlles aos nenos facer o seu propio telefono de cordas, construirán un
teléfono a gran escala, composto por dous funís e un tubo de varios metros de
lonxitude, e que permite transmitir o son dunha punta á outra da clase.
Outro dos grupos vai falar de como escoitan os animais, como o seu oído lles permite,
por exemplo, no caso dos cans, escoitar sons moito máis agudos ca nós, e levarán a
cabo un cuestionario para ver que tan atenta estaba a rapazada.
E falando de sons, un dos grupos falará sobre como se mide o son, cun sonómetro,
explicando como funciona a unidade de medida do son, o decibelio, e poderán probar
que tan alto poden berrar e a cantos decibelios equivale isto.
O seguinte grupo falaranos dos harmónicos do son, as vibracións máis agudas que
soan simultaneamente cando se toca a nota principal, como se fose unha matrioshka,
onde a nota principal esta suplementada por varias vibracións adicionais. É simple,
pero grazas a isto é polo que as notas musicais soan dunha forma harmoniosa e
embelesa os nosos oídos, facendo que nos guste tanto a música.
Por todo iso a música afecta aos sentimentos, pero tamén ten unha explicación
científica detrás de todo, xa que a música non é máis que ciencia, e a ciencia explicada
para os rapaces e rapazas non é outra cousa que un xogo, un xogo tan fascinante como
divertido.


Comentarios
Publicar un comentario