Os fitos musicais e a súa historia



Despois de moitas décadas celebrando a Semana Cultural no colexio, cunha grande variedade de temas de investigación ao longo dos anos, atopámonos coa música, que é unha das formas de expresión e entretemento máis importantes e emotivas do mundo.

 

Realmente, esta arte leva existindo dende que o ser humano é ser humano. Na prehistoria os instrumentos eran ben sinxelos e os máis comúns eran os de percusión. Utilizábanse ósos que se golpeaban contra pedras para crear sons temáticos para rituais, festas e demais reunións sociais. 

 

Co paso dos anos este ámbito da humanidade evolucionou de todas as formas posibles. Os instrumentos comezaron a facerse con outros materiais, grazas aos que se podían conseguir sons distintos, como os melódicos do piano. A música estivo en constante cambio, pasando por todos os países do mundo e dando lugar a distintas modas e épocas, ata chegar ao século XIX, onde xorde a maior revolución musical: as primeiras gravacións de audio.

 

Ata ese momento, a música só se podía escoitar en directo, é dicir, non había ningún aparello para gravar e reproducir o son, a diferenza do que sucede actualmente. 

 

O primeiro paso na realización deste obxectivo foi o fonoautógrafo, presentado 9 de abril de 1860 por Édouard-Léon Scott de Martinville. Este curioso aparello tecnolóxico gravaba audio, pero non tiña a capacidade de reproducilo, xa que só rexistraba as ondas sonoras en papel. Foi aquí cando se produciu a primeira gravación da historia, un extracto de Au Claire de la Lune cunha duración de só 10 segundos. Aínda que non fose deseñada para poder reproducirse, en 2008 puido facerse mediante tecnoloxía dixital grazas a First Sounds, empresa dona dun sitio web que recompila os seus novos descubrimentos sobre o pasado dos sons, ademais de resucitar estes audios.

 


Cabe destacar que, fóra das gravacións de audio, xa existían métodos de reprodución musical dende finais do século XVIII, as caixas musicais mecánicas. Foran inventadas por un reloxeiro de Xenebra, Antoine Favre, que as aplicou nun principio aos reloxos de cuco, aínda que tamén se atopaban de maneira independente. Baseábanse nun mecanismo cilíndrico xiratorio acompañado dun peite plano de púas que, rozando co cilindro, producía vibracións que daban lugar ao son. Para poder accionar o mecanismo xírase unha chave de man que lle dá corda á caixa e fai que se escoite a canción.



No ano 1877, Thomas Alva Edison, o moi coñecido participante na invención da lámpada incandescente, inventou unha nova forma de gravación musical, o fonógrafo. Este aparello non só gravaba as cancións senón que tamén as reproducía sen ter que esperar ao futuro tecnolóxico. Ao principio gravaba en cilindros de papel de aluminio e máis tarde cera. 




 

A primeira gravación co fonógrafo foi a voz de Edison, na que recita unha parte da canción Mary had a little lamb ou Mary tiña un pequeno año, duns 22 segundos de duración. 

 

Aquí vos deixamos un enlace coas dúas audicións para as e os curiosos:

https://www.youtube.com/watch?v=CHMivc_LHQg

 

Máis tarde, no ano 1887, o inventor xermano-estadounidense Emile Berliner desenvolveu o gramófono. Este aparello consistía nun prato xiratorio e un brazo rematado nunha agulla. Emitía o son a través dunha buguina e funcionaba cun motor a corda que facía soar a música grazas ao contacto continuado entre a pequena agulla e uns sucos de igual tamaño no disco, producindo vibracións que facían posible a produción de ondas sonoras. O tipo de discos que utilizaba eran os “discos de pizarra” ou “discos de goma laca”.

 

O mesmo inventor do gramófono ideou o ano posterior o que sería coñecido como “disco de vinilo”. Porén non foi utilizado ata 1955, xa que Columbia Records empregou certo tempo en perfeccionar esta nova tecnoloxía. Este novo tipo de almacenamento musical podía ser reproducido grazas ao coñecido xiradiscos, primeiro instrumento de reprodución eléctrica que existiu. Apareceu no ano 1925 e, mentres non se puña en uso o disco de vinilo, seguiu utilizando os discos de pizarra anteriores. 



Como imaxinaredes os discos de vinilo eran máis resistentes que os de pizarra, polo seu distinto material de fabricación. Igualmente, existiron grande cantidade de discos diferentes que só variaban na súa velocidade (cambiando segundo as RPM ou revolucións por minuto) ou no seu material, pero todos baseábanse no mesmo obxectivo de gravación e reprodución de sons utilizando tecnoloxía eléctrica. Paralelamente a isto, tamén naceron os instrumentos eléctricos, como a famosísima guitarra eléctrica. Máis importantes incluso son os sintetizadores, omnipresentes na música actual, ou rarezas como o theremín, inventado no ano 1920 e patentado no 1928 por León Theremin.




A finais do século XX, a música sufriu un cambio no seu ritmo de avance moi grande, grazas, principalmente, á tecnoloxía dixital. Unha época moi importante para a música, que tivo o seu auxe nos anos 80 e os 2000, grazas aos casetes, o Walkman, os  CD´s, o Discman e os mp3 e plataformas dixitais.

 

Os CD´s ou Compact Discs (Discos Compactos) ideáronse a finais dos anos 70 polo holandés Kees Immink e o xaponés Toshitada Doi. Estes discos, permitían a gravación de audio de máis de 70 minutos, debido ao desexo de gravar a 9ª sinfonía de Beethoven sen cortes, e permitían por primeira vez algo que todo o público agradeceu: poder cambiar de canción instantaneamente.

 

Gústavos saír a correr mentres escoitades música? Pois nos 2000 o mp3 era o deus da escoita! Desenvolto en Alemaña por Karlheinz Branderburg, Popp e Gril no 1986, foi de uso común a partir do ano 1992. Popularizouse grazas a internet, xa que permitía o intercambio de arquivos de audio de grande calidade sen ter un peso importante no almacenamento do dispositivo. Facía que fose unha alternativa moito mellor pola súa velocidade de descarga, superior fronte ao arquivo orixinal, fomentando a compravenda de cancións e que as novas tecnoloxías o usen de forma predeterminada pola súa facilidade de acumulación en dispositivos como o iPod.




Despois de moito perfeccionar estas técnicas, chegamos á actualidade, onde grazas á curiosidade do ser humano por reproducir o son, podemos escoitar música todos os días sen necesidade de ir a un concerto. Hoxe en día, diversas plataformas en liña permítennos desfrutar, a través do streaming, destas comodidades. Debémoslle moito a Edison, Berliner, a todos os seus predecesores e continuadores!

 

Que novas tecnoloxías nos agardarán no futuro? Como cambiará a nosa maneira de escoitar música?

Comentarios

Entradas populares